A brétema / O cataventos, de María Victoria Moreno

Inicio/CRÍTICA LITERARIA EN GALEGO/Caderno da crítica/A brétema / O cataventos, de María Victoria Moreno

A brétema / O cataventos, de María Victoria Moreno

Resulta plausible o esforzo de Urco Editora por recuperar e pór en circulación, entre  outro material, dous relatos infantís de María Victoria Moreno, descatalogados e practicamente imposibles de conseguir como son O cataventos e mais A brétema, dispostos agora nun formato de álbum ilustrado e con ilustracións, o primeiro, de Lara Torres Rodríguez e de María Montes Sueiro o segundo.

A brétema, publicado orixinalmente en 1985, trátase dunha achega ateigada de forza imaxinativa que,  ao tempo, está dotada dunha extraordinaria riqueza lingüística, onde a presenza da poesía se converte nun recurso recorrente. Neste álbum, a autora desenvolve unha historia entrañable da man dunha avoa, a señora Minia Senín, que precisa do agarimo dos demais na súa vida cotiá. Á busca teimuda disto último, nun golpe fantástico sorprendente, é cando adopta outra forma de vida, sempre situada nun contorno natural, que eternizará a súa presenza para sempre.

Por outro lado, O cataventos, publicado na súa primeira edición en 1989 con ilustracións de Carmen Peris, coincide co anterior nesa perspectiva que persegue, dalgún xeito, atopar explicacións, abalando entre o fantástico e o real, que revelen a orixe posible, neste caso, dun cataventos. Nesta ocasión, Moreno usa con mestría os recursos da fábula para revelar como a arrogancia e a soberbia, como o exercicio ditatorial do poder, reciben o seu castigo, trazando en definitiva unha sorte de metáfora sobre a liberdade.

Dous álbums infantís pioneiros que convén coñecer para trazar, con garantías, o percorrido creativo de María Victoria Moreno.

Arquivado en:Álbum ilustrado, Crítica literaria, Literatura infantil Tagged: A brétema, Lara Torres, María Montes, María Victoria Moreno, O cataventos, Urco Editora
Source: Caderno da crítica

2018-01-11T11:21:14+00:00 11 / 01 / 2018|Caderno da crítica|