A BANDA DE VILACENDOI

A BANDA DE VILACENDOI

Gayoso, Xulio (2006), A Banda de VILACENDOI, Pontevedra: Kalandraka, (+3 anos).
[48 pp.](ISBN: 978-84-8464-583-5).

Breve descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado encadernado de tapa dura e grosa, de forma cadrada. A cuberta presenta un fondo granate que continúa na contracuberta e móstranos algunha pista do contido do conto: músicos tocando diferentes instrumentos e algún animal mesturado entre eles. O título, situado no centro dun gran bombo que se atopa na parte inferior do libro, mostra letras da mesma fonte. Xusto enriba do título, na parte superior do bombo, atópase o nome do autor e debaixo, na parte inferior do bombo, o nome da editorial. No interior, o texto está tanto nas páxinas pares como nas impares. Trátase dunha narración sobre a historia dun pobo e a súa banda de música. As ilustracións son de gran colorido e formas sinuosas, empregando tanto cores escuras como cores vivas. Predominan as imaxes da figura humana, animais e a paisaxe.

O contido trata sobre un pobo chamado Vilacendoi, cheo de xente e de actividade, no que existía unha banda que envolvía cada recuncho desta pequena aldea, pero o despoboamento acabou co bulicio das noites e dos días de festa. As casas ficaron baleiras e todo comezou a esmorecer, xa que só quedaban as persoas máis maiores, que estaban tristes e cheas de nostalxia. Pero a chegada de novos veciños de diferente cultura e etnia colmaron, novamente, de futuro e esperanza esta pequena aldea tan especial.
Potencialidades: Vilacendoi non é un nome ficticio. Este pobo existe e está situado a poucos quilómetros de Lugo, a beira do río Miño. Esta pequen aldea está formada por un reducido grupo de casas campesiñas, típicas da comarca, nas que predomina a lousa como elemento construtivo. En moitas desas vivendas pode que aínda se garden os instrumentos da banda de música local, que tamén existiu.

As xeracións actuais de adultos non chegaron a desfrutar dela, pero oíron falar aos anciáns da súa boa fama. O autor e ilustrador desta obra, que é de orixe lucense, considera “un milagre” que unha banda de música de dimensións e recursos limitados chegara a brillar naquel tempo, de aí a homenaxe que lle brinda con esta obra. Nela recorre aos seus recordos da infancia, aos ecos da voz de quen foron testemuñas de memorables noites de verbena daquela banda. O seu relato é unha especie de crónica rural, a medio camiño entre o verosímil e o inverosímil.

A lectura desta historia permite descubrir elementos do estilo de vida no campo, a diversidade de animais domésticos, a beleza da paisaxe. Chega a describir incluso os seus tempo difíciles, nos que a despoboación e o envellecemento da poboación fan temer polo futuro de Vilacendoi. Esta situación é moi próxima a actualidade, xa que moitos pobos están desaparecendo por estes mesmos motivos. Pero, en Vilacendoi, eses temores disípanse coa chegada de xente nova, persoas de diferente cultura e etnia, uns novos habitantes que converten a Vilacendoi nun grato exemplo de integración social e racial.

Desta maneira, con este conto podemos traballar cos nenos nas aulas cuestións relacionadas coa emigración e a inmigración e sobre a integración social e racial de todas as persoas e a súa aceptación, pois trátanse de temas moi presentes non nosos días; sobre a música, a variedade de instrumentos musicais e os seus sons correspondentes e os animais domésticos dos pobos como as vacas, porcos, galiñas, etc.

Source: primeiras lecturas

2017-05-19T09:24:36+00:00 30 / 04 / 2017|Primeiras Lecturas|